Presentou o acto Vicente Couce, loitador de sempre nas ringleiras da rebeldía que quer xustiza e dignidade, para facer unha breve introdución do que se pretende ao propiciar esta actividade. A refundación como ferramenta para producir unha nova converxencia política, social e cultural, quen de artellar unha alternativa social para a maioría traballadora do país.
Logo a disertación correu a conta de Pepe Dobarro, catedrático de filoloxía galego-portuguesa, que expuxo nun ton sinxelo e directo o que son as mil e unha conversas e desacougos, iras e demandas do país invisible; país de activistas sociais e culturais, sindicalistas e loitadores que sosteñen loitas de cote que non atopan correspondencia no país oficial, o das instituciones e o DOG; país invisible porque as súas necesidades e intereses quedan ocultos, prisioneiros dos intereses dun país oficial cada día máis inxusto e insustentable.
O outro convidado, o profesor de pedagoxía Herminio Barreiro, non puido asistir a causa dun problema de saúde de última hora, do que afortunadamente se recupera.
Hai que rexistrar unha ampla nómina de intervencións dun público crítico e esixente, que reclamou de maneira coral a necesidade de conformar unha ferramenta quen de aglutinar as tradicións políticas e ideolóxicas da esquerda para producir un novo suxeito político e social plural e alternativo.
Consignar algunhas intervencións que fixeron unha xeneoloxía crítica dos erros cometidos polas diferentes esquerdas, coa finalidade de aprendermos deles e producir unha acción colectiva que prime os moitos elementos e cuestións que compartimos por riba das lexítimas e necesarias diferenzas.
Pediuse polo público xenerosidade para acadar un programa de actuación alternativo, quen de irmos a raíz dos problemas, coa radicalidade crítica que se funda no traballo cotián nos conflitos sociais que produce o capitalismo.
No debate xurdiu a dicotomía entre o país oficial e o país invisible, país invisible e real cuxas arelas e problemáticas quedan agochadas polos intereses espúreos do país oficial, país secuestrado polos donos do capital.
Houbo un acordo unánime nas intervencións no senso de conxurármonos todas e todos para neste proceso alicerzar esperanza, radicalidade crítica e traballo arreo a prol doutra Galicia posible.





0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada