
Ás compañeiras e aos compañeiros que nos devolveron a esperanza no Teatro Principal; a Yolanda, grazas por todo.
Que é a esquerda? Por que é preciso refundar a esquerda agora? Que significa refundar a esquerda? Estas preguntas, que precisaban dunha resposta urxente, foron sabiamente respondidas por Xabier Ron, Daniel Salgado, Mariluz Canal, Mariluz Maset, Ricardo Castro, Mariano Abalo, Herminio Barreiro, Eliseo Fernández, Xosé Luís Méndez Ferrín, Cayo Lara e, por suposto, a nena muller que é Yolanda Díaz.
Que é a esquerda? Que é ser de esquerdas? Ser de esquerdas é loitar pola democracia, loitar polo goberno do pobo, loitar para crear as condicións necesarias que permitan que sexa o pobo quen máis ordena, como cantaba o Zeca na súa inesquecible Grándola, vila morena. Ora ben, dende a esquerda proclamamos que a democracia é algo máis que un home ou unha muller, un voto?; dende a esquerda proclamamos que sen igualdade social e económica non é posible a democracia, pois en condicións de explotación -sexan de clase, de xénero ou de etnia-, non existe a liberdade, que é o fundamento da igualdade política.
Daquela, que é ser de esquerdas?
Ser de esquerdas é loitar pola redistribución equitativa da riqueza, pois nós -as traballadoras e os traballadores- somos quen creamos a riqueza mediante o noso traballo; ser de esquerdas é proclamar o control democrático das actividades económicas e dos nosos recursos, promovendo a nacionalización e socialización das actividades financeiras e dos sectores estratéxicos; ser de esquerdas é promover a creación dun sistema público de ensino, sanitario, asistencial... gratuíto e universal; ser de esquerdas é loitar pola consolidación dos dereitos sociais e económicos conquistados polo pobo, tales como o traballo, a vivenda, o lecer e o deporte, gozar dun medio natural san...; ser de esquerdas é loitar pola dignidade das persoas e dos pobos, así como pola integración, a solidariedade e a cooperación dende o respecto ás diferenzas, sempre que non degraden a dignidade humana; ser de esquerdas significa loitar pola conservación da natureza, polo desenvolvemento sostible, pola defensa ecolóxica da natureza...
Por iso é preciso refundar a esquerda: para recuperar o tempo perdido, para entender que dentro do capitalismo non hai solución, para aceptar definitivamente que o reformismo leva á situación actual: á perda de dereitos, á deterioración do público..., ao sometemento do pobo; para volver aos valores de noso (a liberdade, a igualdade, a fraternidade...) e, sobre todo, para corrixir os erros do pasado e establecer lazos de unión entre as diferentes sensibilidades sociais, aínda que abertas a un mesmo obxectivo final: a fin da opresión, como proclama A Internacional. Eis a necesidade de refundar a esquerda agora: para organizarnos á marxe das falsas amizades e dos reformistas, para crear conciencia de clase e de pobo, para mobilizar o descontento social, para avanzar na defensa do noso, para construírmos outro mundo posible á marxe do capitalismo.
Artigo escrito por Alfredo Iglesias na marxe esquerda de Galicia Hoxe





0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada