PSOE e BNG deben estar tamén no proceso, terían que mover ficha

"As voces críticas" da "esquerda real" teñen cabida (na refundación), pero "parece que as súas direccións non van camiñar pola mesma senda ca nós". No acto do sábado "houbo xente que chorou, profundamente emocionada".

Entrevista a Yolanda Díaz, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida en Galicia Hoxe.

"Era necesario dar un paso atrás e voltar ás orixes. Por iso escollimos un termo como é "refundar", porque hai que voltar á natureza das cousas para constituír unha alternativa ao actual capitalismo depredador". En apenas seis liñas resume Yolanda Díaz (Fene, 1971) como coordinadora nacional de Esquerda Unida (EU), a razón de ser do movemento transformador e de converxencia "Refundando a Esquerda" que este mesmo sábado sentou as bases en Compostela nun multitudinario, "fermoso" e "emocionante" acto -ata con bágoas- que reuniu a medio milleiro de persoas clamando polo cambio e que se pretendía plural e aberto ás voces máis críticas da esquerda, desde todos os ámbitos sociais e políticos, que haberán formar o novo "bloque social".

Obxectivo cumprido?, Acadouse esa pretendida representación plural?
Sen dúbida. Queremos converxer con todos os homes e mulleres da esquerda transformadora. E quizais iso foi o máis emocionante do acto. A xenerosidade, o compromiso e a pluralidade das distintas voces que alí estabamos.

Voces do ámbito sindical, cultural, intelectual... e tamén político. Non teñen cabida PSOE e BNG neste proceso?
Nós non podemos determinar esa cuestión. Son eles os que terían que mover ficha. O que nós temos claro é que as voces críticas do BNG e do PSOE, eses homes e mulleres que son da esquerda real, claro que teñen cabida neste proceso. E deben estar neste proceso. Pero parece que as súas direccións, tanto no Bloque como no PSOE, non van camiñar pola mesma senda que nós.

Apélase, como xa ocorre noutros partidos, ao necesario achegamento á sociedade. Está a cidadanía tan farta dos políticos na súa vertente tradicional? Está EU afastada tamén dos cidadáns?
Unha das mensaxes que quedaron claras o sábado é que había que recuperar a democracia en termos radicais, facer a democracia nosa, participar nela, cambiar cara a formas máis participativas. É certo que as organizacións políticas deufradamos, e é certo que estamos afastadas da cidadanía crítica de esquerdas, e é verdade tamén que a cidadanía quere máis. Temos que cambiar as formas organizativas e de loita, situarnos nos problemas do mundo actual no noso país. Fixemos unha lectura autocrítica e constatamos que hai que rachar con eses mecanismos. As poucas fórmulas de experiencias participativas que hai son todas marabillosas e cara a ese camiño temos que ir. Eu apelo a Saramago, a ese ensaio sobre a lucidez que fala dos cidadáns críticos e lúcidos, e que nos di que a forza está en nós. Ou participamos na democracia todos os días ou non hai saída. A saída está en nós.

O manifesto de "Refundando a Esquerda" alude aos erros cometidos. É ese afastamento da cidadanía un deles? Como se van solventar?
Temos obriga de facer autocrítica, e iso fixemos. Creo que son poucas as organizacións políticas que o fan, e ademais o teorizan e o escriben. Na novena asemblea federal fixemos unha reflexión moi autocrítica do que estaba pasando na nosa organización, que non soamente tiña eivas polas cuestións da norma electoral, que si que é certo que nos prexudica, senón porque erramos en moitas das accións tácticas e estratéxicas. Coincidimos en que era necesario dar un paso atrás e voltar ás orixes. Por iso escollimos un termo como é refundar, volver á natureza das cousas e arincar cun programa profundamente anticapitalista. Voltar á raíz para seren capaces de constituir a alternativa. Hai xente moi desilusionada e temos que xerar esperanza.

Perdeuse a confianza?
Como di o noso manifesto, a esquerda foi unha esperanza para miles de homes e mulleres na historia, e temos que recuperala, porque o necesitan, porque é posible cambiar as cousas, atacar as políticas depredadoras do capitalismo que se reflicten nas medidas de axuste do goberno. Teñen que poder confiar en nós, e iso hoxe non acontece.

Que sensación deixa o acto deste sábado en Santiago?
Cremos sinceramente, e sen prexuízo de que fagamos unha valoración máis serena, que foi un acto ben fermoso, emocionante. O máis importante é que a xente estaba xa demandando que comezase o proceso de debate e de camiñar conxuntamente. Houbo xente que chorou, persoas que estaban profundamente emocionadas, foi un acto marabilloso. E moi necesario en Galicia.
Cal será o próximo paso? Teremos a seguinte cita o día 19 de xuño en Compostela para constituír un primeiro lugar de encontro no que sentar os alicerces do que ten que ser ese debate inicial, de ideas, de posta en común.

Sentades o proceso na base da conservación da identidade propia de Galicia e a autodeterminación...
Somos unha organización política federal, e tamén a única formación que ten ben definido o seu modelo de Estado. Unha federación con absoluta capacidade de autogoberno e nese sentido traballamos en Galicia, como por certo ben deixou claro onte (sábado) o noso coordinador xeral (Cayo Lara). Somos unha suma de partes, de pobos que configuran un Estado federal. Ogallá españa algún día sexa un Estado federal.

Agardades que este esforzo, esta nova etapa que iniciades, dea a súa recompensa nas eleccións municipais?
Non mesturamos este proceso coas próximas eleccións, porque non teñen nada que ver. (A refundación) vai ser un proceso de moi longo alcance, de debate filosófico. As eleccións son algo moi prosaico, e isto é moito máis complexo e fermoso.