Para construír unha alternativa nacional e de esquerdas

No tempo en que vén de producirse a bancarrota das políticas neoliberais da globalización capitalista, a esquerda non é quen de presentar un horizonte de transformación social verosímil, que supere a competitividade e a resignación que nos propoñen os donos do capital e das palabras. Co desemprego, coa precariedade, cos ataques ás políticas públicas de igualdade, coa carestía da vida e da vivenda, coa competitividade, a insolidariedade e o egoísmo, con cada frustración que nos inflixen, nos arrebatan un anaco de nós, das nosas esperanzas, do noso porvir.

A esquerda ten que significar esperanza porque as nosas propostas e valores afíncanse nos principios revolucionarios da igualdade, a liberdade e a fraternidade. Principios que serviron para construír, para facer visibles, as necesidades e intereses das mulleres e homes que co seu traballo cotián producen a riqueza social sobre a que descansa a sociedade; principios que nembargantes se esborrallan cando non hai políticas que os desenvolvan e non hai carraxe para sostelos na loita ideolóxica e cultural de todos os días.

Na nosa nación agroma unha sorte de país invisible a xulgar polas propostas e as axendas políticas e mediáticas, sempre dispostas a relegar a ningures as necesidades e preocupacións da maioría deste país no canto de meter uns cartos de todos no peto dalgúns. Ou pola composición dun Parlamento pechado a recoñecer a riqueza política e social da nosa sociedade.

Desta maneira este país invisible que traballa e milita no activismo social sofre a realidade esmagante dun Goberno de dereitas que non cesa de desenvolver unha sistemática de ataques aos nosos dereitos, sexa no ámbito da cultura e da lingua ou sexa na erosión das servizos sociais ao través da vía morta das privatizacións e do estrangulamento dos recursos económicos e humanos, ou coa degradación das relacións laborais coa precariedade, o desemprego... País invisible que asistiu con mágoa á perda da oportunidade que supuxo un goberno bipartito que na maior parte da súa executoria non deixou de amosar continuísmo e resignación dabondo diante das grandes políticas económicas e sociais herdadas do fraguismo.

O país invisible que constitúe a maioría traballadora do noso país padece a lacra do desemprego (233.916 parados, dos cales 125.439 son mulleres segundo os datos de abril), unha elevada taxa de precariedade tanto no sector privado como no público (aínda dos 50.684 contratos do mes de abril, non chegan a 5.000, menos do 10%, os que son contratos indefinidos), e sinistralidade laboral. O país invisible está farto de aturar unha cotidianeidade onde as mulleres sufrimos unha inxusta e discriminatoria variable de explotación por razón de xénero, cobrando menos salario ao realizar igual traballo e cunha realidade de febles políticas públicas sociais que propician dobres xornadas, reprodución de roles indesexables e horarios imposibles. O país invisible coñece o apetito voraz co que o capital esquilma os espazos máis fermosos e ricos do noso territorio nunha práctica desenvolvista que abrangue das canteiras do Caurel o litoral de Fisterra, da ría de Ferrol á de Vigo... Un país invisible agredido de cote pola negación da nosa cultura e nomeadamente da nosa lingua, e a redución das manifestacións culturais a meras mercadurías que sirven a un modelo de cultura espectáculo antitético co que tenta espallar polos recunchos do país unha praxe cultural entendida como ferramenta de emancipación dun pobo que se quer libre e crítico. Ou a indignidade da corrupción que se alimenta dun réxime político oligopólico e dunha lei electoral antidemocrática.

Mais este país invisible, atópase na encrucillada de carecer dunha alternativa política e social quen de expresar os seus intereses; intereses, estes si, coincidentes co interese xeral da nosa nación. Semella necesario encetar un novo tempo para construírmos entre as mulleres e homes dese país invisible un novo suxeito político e social, que responda ao ben común, aos intereses maioritarios do pobo galego. Porque nel reside o suxeito e a forza social necesarias para converter en real unha alternativa política, social, económica e cultural para a nosa nación.

A refundación da esquerda galega, a construción dun novo suxeito político e social ten que vir dun achegamento no espazo das loitas sociais cotiás, nas que participamos as mulleres e homes que arelamos recrear unha política baseada na veracidade, a dignidade e a capacidade de transformar realmente as condicións de vida e traballo da nosa xente. Semella que o novo tempo para fundar unha ampla converxencia que xere un espazo de encontro, análise, proposta e aprendizaxe colectiva está diante noso. Cómpre aproveitalo tanto como unha oportunidade canto como unha esixencia para con nós mesmos e cunha ética colectiva que nos demanda unha cidadanía lúcida e crítica.

A refundación tense que facer a partires da nosa historia e identidade nacional propias, recoñecendo a morfoloxía específica da nosa estrutura social e coa determinación de enfrontar unha inserción periférica e subordinada na construción do Estado. O pobo galego é un suxeito político que ten que empregar o dereito de autodeterminación para prover de maneira libre a súa condición política e o seu desenvolvemento económico, social e cultural. Necesita para semellante tarefa achar unha nova ferramenta política e social, que lle dea continuidade as loitas labregas e obreiras que configuran a mellor historia da nosa nación.

Chega o tempo de artellar unha grande converxencia das forzas do traballo, dos movementos sociais e da cultura para ser quen de construírmos unha alternativa nacional e de esquerdas que atenda os diversos e plurais suxeitos que no noso país pulan pola súa transformación radical.

Todas e todos os que asinamos este chamamento comprometemos o noso traballo para constituír ao longo do noso país foros e mesas territoriais, foros temáticos, espazos en suma para achegar de xeito plural unha reflexión e proposta que xunga radicalidade e innovación a prol doutra política posible. Nas verbas do cronopio maior, comités de soños, onde metabolizar, froito da alquimia feraz da participación plural e de iguais e da adquisición dun novo coñecemento colectivo, a capacidade de reinventar a relación entre as loitas nos conflitos sociais e a translación das mesmas aos espazos institucionais, dende os concellos até o Parlamento Galego, para transformar realmente as condicións de vida e traballo do noso pobo.

Un traballo político e social elaborado de maneira compartida e colectiva, plural, realizado en estruturas democráticas que se deixen traspasar de xeito natural polo coñecemento social das mulleres e homes que hoxe quizabes non militan na esquerda política e si traballan no eido do activismo social, e elaborado coa radicalidade que se basea na insustentabilidade dunha orde social capitalista, que amosa de maneira crecente a súa incompatibilidade para garantir condicións de vida dignas no noso país e no conxunto da humanidade a todos e cada un dos seres humanos e que verte o seu carácter violento,mercantilizador, egoísta e insolidario en todos os eidos da vida social, nas nosas vidas.

Un compromiso político, social e cultural que funde unha nova cultura republicana, federal e participativa que sente os alicerces para poder transitar os vieiros esperanzados da liberdade, da igualdade e da fraternidade cara a unha sociedade onde se reparta o traballo e o emprego sexa estable e con dereitos, onde a igualdade entre mulleres e homes deixe de ser de papel, onde a produción das necesidades humanas non malbarate a fermosura da nosa terra, onde se forneza o noso autogoberno nacional e se amplíen os dereitos sociais nun novo marco político, onde se cumpra a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e o Pacto Internacional se Dereitos Civís e Políticos, onde fagamos entre todas e todos unha sociedade socialista.

A refundación da esquerda vai supor traballo e compromiso arreo –será todo menos doado–para erguer unha esperanza de dignidade e transformación social que tinga o porvir das mulleres e homes que viven e traballan nas nosas vilas e cidades e desenvolven nelas un exercicio cotián de crítica, lucidez e insubmisión a prol doutra Galicia posible.
Yolanda Díaz
Coordinadora Nacional de Esquerda Unida