Evitemos o naufraxio

Vivimos entre paredes que se van estreitando cada vez máis até abafar. O aire que respiramos por necesidade vital está contaminado. Non de irmandade. De odios. Non de razón humana. De irracionalidade. Si, o mundo abafa. O capitalismo salvaxe depreda os elos que nos dignifican como seres humanos.

E camiñamos no día a día con múltiples medos encadeantes que nos rouban até a esperanza e fan palidecer a nosa dignidade. É o perverso destino que concede o capitalismo. O medo a perder o traballo. O medo a non telo. O medo a ter medo. O medo é a disciplina educadora do capitalismo.

E a política, a verdadeira política, nesta perversión, perde. E, se ousamos falar de política con alguén, por casualidade, responde que “pasa” de política e políticos. Pero a política e a clase política non “pasan” de nós, “pensan” por nós. E así nos vai. A interiorización do discurso de desprestixio da política, ben orquestrada por infames comportamentos contrarios á xestión do ben público, permite ese “pasar” da política que é o máis parecido a un cheque en branco.

Capitalismo e oligarquías róubannos o espazo no que a relación coa política era natural: a propia vida. Porque vivir para traballar é o máis parecido a unha rendición absoluta, a unha lenta morte día a día, da mesma forma que os mercados e as bolsas matan á Democracia. O Capitalismo non quere Democracia. Non quere Pobo. Non quere Esquerda.

Somos fragmentos de memoria, de historia, de esquerda ferida. De desencontros. De andares desorientados.

Pero tamén somos herdeiros. Un eco revolucionario. Porque revolucionario é xa crer que podemos desafiar o pensamento único e reivindicar a pluralidade e a diversidade que nos caracteriza. O peor que podemos facer é permanecer indiferentes. Por moito que a caixa de resonancia do capitalismo proclame que “non hai alternativa”, o 5 de xuño de 2010, no Teatro Principal de Compostela, persoas e organizacións anunciamos o desexo de sumar os nosos esforzos para refundar a esquerda. Sabemos que hai alternativa: a esquerda transformadora, anticapitalista. É un compromiso que se ata a través desta palabra escrita: de sinceiro traballo, de entrega transparente, de diálogo serio, de debate e encontro.

Algúns e algunhas pensarán que é unha Utopía. Pero esta Utopía aliméntame. Se non considerara que os tempos son chegados, que temos que sumar esforzos para refundar a esquerda, sería mellor, como di Susan George, imitar aos que vivían na época da peste: facían festa, bebían e emborrachábanse nas prazas públicas mentres agardaban a chegada da Parca. Pero non, penso que debemos aproveitar as nosas enerxías vitais e traballar arreo para deseñar, entre todas as persoas e organizacións que así o queiran, os piares que asenten a alternativa e transformen a sociedade capitalista nunha sociedade máis xusta e habitable. E se fracasamos, poderemos dicir que fixemos todo o posible e que caímos de forma honorable.

Xabier Ron
Secretaría de Movementos Sociais
Executiva Nacional de Esquerda Unida
Artigo publicado o 8 de xuño de 2010 en Galicia Confidencial

Ver intervención de Xabier Ron no acto principal da Refundación da esquerda