Reconstruiamos, entre todas e todos, a esquerda na Galiza


A crise do sistema capitalista sitúanos nun intre crucial para a reconstrución do movemento de esquerdas, agora máis que nunca debemos xuntarnos todos os cidadáns e cidadás que compartimos a necesidade de transformar a sociedade na certeza de que outro mundo é posible.

E por iso que Esquerda Unida leva meses pulando polo lanzamento do proceso de Refundación da esquerda, un proceso que pode e debe marcar un fito histórico a nivel mundial, non en vano toda a esquerda europea está a ollar cara este proceso para utilizalo de guía nos seus respectivos países, sabedores de que a apertura á sociedade é o único camiño para a súa transformación. Así pois, do éxito deste proceso dependen as esperanzas de millóns de cidadás e cidadáns de atopar un freo a maquinaria de pensamento único neoliberal.

A Refundación non é un proceso propio de Esquerda Unida, senón que pretende incluír a toda a esquerda, tano a política como a social, que sexa alternativa e transformadora en torno a unha proposta política anticapitalista. Tampouco se trata de establecer relacións burocráticas entre Esquerda Unida e outras organizacións que por definición son autónomas e apartidarias, senón que o que se pretende e atraer aos activistas destas organizacións para que participen no devandito proceso.

O proceso de converxencia política e social é, sen dubida algunha, a clave da Refundación. As xentes de esquerdas debemos ser quen de construír un espazo de encontro aberto, plural, democrático, participativo e non excluínte ideoloxicamente. Un espazo de encontro que aglutine as xentes que forman as forzas políticas de esquerdas, as organizacións sindicais, ecoloxistas, feministas, libertarias, sociais, altermundistas e culturais. En definitiva, trátase de aglutinar a todos os movementos que na sociedade civil se opoñen ao neoliberalismo e ao domino do mundo do capital.

Así, a Refundación da esquerda pretende ofrecer as condicións para que todo o que desexe participar no proceso de converxencia política e social poida facelo mediante a creación dun marco político que permita establecer un diálogo constante. É polo que dende Esquerda Unida ofrecemos, dende a humildade e o compromiso, a nosa estrutura organizativa para lanzar o dito proceso mediante a creación de diversas ferramentas participativas como foros, obradoiros, seminarios, charlas coloquio, manifestos, propostas ou encontros.

A finalidade da Refundación non é outra que construír programas de acción política que poidan ser postos na práctica de forma inmediata e que aglutinen a totalidade da cidadanía que aposta por cambios profundos que transcendan o esgotado sistema capitalista. Porque outro mundo non só é posible senón que é necesario. Así pois aspiramos a xerar unha renovada organización política e social capaz de defender, difundir, dinamizar e poñer en práctica os programas políticos desenvolvidos democrática e participativamente por todas e todos, xa que logo, apostamos por unha nova forma de facer política onde os fluxos de información corren de abaixo a arriba, xusto todo o contrario que acontece coas forzas políticas convencionais que ao traballar dende arriba atópanse directamente presionadas polo poder do capital.

En definitiva, queremos que a Refundación permita a Esquerda Unida formar parte da esquerda que traballe a prol da definición e implantación do Socialismo do século XXI. É dicir unha esquerda que non comulgue coas receitas neoliberais nin vexa na socialdemocracia unha alternativa global ao sistema capitalista.
César Santiso
Secretaría de Organización
Executiva Nacional de Esquerda Unida